Morre acoitelado un mariñeiro de Marín tras seren agredido en alta mar polo cociñeiro do barco
Por Redacción
A última marea do palangreiro portugués Príncipe das Marés, no que estaba embarcado un mariñeiro de Marín, de orixe marroquí, rematou de forma tráxica. Un dos tripulantes, un home natural de Cabo Verde que traballaba como cociñeiro no barco, acabou coa vida do marinense tras asestarlle unha puñalada mortal. Polo momento, non se puido determinar que foi o que orixinou a agresión.
Segundo detalla a prensa local, o suceso produciuse o pasado sábado. Ocorreu en alta mar, a unhas 500 millas da Illa de Fogo (Cabo Verde). O barco, un palangreiro de bandeira portuguesa e con base no porto de Portimao, atopábase faenando en augas internacionais. Era o último día de faena antes de que os seus trece tripulantes volvesen a terra, entre eles o marinense N.N., de 45 anos, de orixe marroquí e con nacionalidade española.
O crime tivo lugar no compartimento no que se atopaba descansando a vítima tras rematar o seu servizo. Por motivos que aínda se descoñece, o agresor, un home de 45 anos e de nacionalidade caboverdiana, avalanzouse sobre el e asestoulle unha puñalada no costado que resultou mortal.
Outros tres tripulantes, un cangués, un portugués e outro indonesio, interpuxéronse para evitar a agresión e resultaron feridos de diversa consideración, pero ningún deles de gravidade.
Tras consumar a agresión, o presunto homicida, que embarcara hai uns días para asumir a función de cociñeiro, arroxouse ao mar, ao parecer con intención de quitarse a vida. Foi rescatado polos seus compañeiros catro horas despois, quen o apresaron para entregalo ás autoridades caboverdianas.
O irmán e a cuñada da vítima iniciaron os trámites para a repatriación do corpo e saber que pasos dar despois do suceso. Ata Cabo Verde trasladouse tamén un responsable da casa armadora, Sociedade de Pesca do Arade (Pescarade), que na prensa local asegura estar "sorprendido" polo sucedido e sinalou que as causas desta agresión "non están nada claras".
Tras producirse este crime, o Príncipe das Marés dirixiuse á illa de San Vicente. Á súa chegada, a policía xudicial fíxose cargo da custodia do detido e iniciou as investigacións para aclarar o sucedido. O cadáver do falecido atópase na morgue do Hospital Baptista de Sousa, á espera de que se realice a correspondente autopsia.