O barrio do Burgo xa conta con dúas pistas de petanca e zonas de sombra e descanso
A veciñanza do barrio do Burgo xa pode desfrutar dun novo parque de 652 metros cadrados dotado de dúas pistas de petanca e de zonas sombra e descanso. Está situado entre a rúa Fernández Cochón e a avenida de Compostela, na parte traseira do Pavillón Municipal, e conta cunha zona verde, que servirá como punto de encontro, lecer e práctica deportiva.
A zona, que antes estaba en mal estado, sufriu unha serie de actuacións de rexeneración que consistiron na limpeza dos terreos a demolición dos vellos muros perimetrais e a nivelación do solar, a pavimentación da parcela e a instalación dunha fonte e de varias papeleiras, así como de diversos bancos con asento de madeira.
Ademais, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural instalou un sistema de iluminación que permitirá xogar á petanca en condicións de pouca luz natural e polas noites, o que aumenta as horas de uso das pistas durante o inverno.
A zona verde a delimitaron perimetralmente por muros e por un valado metálico pintado en cor verde. A conservación será mediante un sistema de rego automatizado, por goteo con mangueiras perforadas, por redes de aspersión na franxa de céspede máis ancha e mediante difusores nos outros xardíns.
O parque foi inaugurado este venres por Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nun acto no que estiveron acompañados dos concelleiros Marcos Rey, Xaquín Moreda, Guillermo Juncal e Martín Martínez, e ao que asistiu un grupo de veciños e de membros da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra.
Fernández Lores explicou as intencións do goberno municipal de cara ás importantes intervencións proxectadas neste barrio. "É unha espiña que teño cravada, porque probablemente sexa o espazo público utilizado con peor calidade neste momento e que, en consecuencia, é unha prioridade para nós".
Tino Fernández pola súa banda, subliñou a importancia deste espazo que servirá como "lugar de encontro, xogo e descanso para a veciñanza do barrio e para os moitos afeccionados á petanca que ten este concello", engadindo que esta actuación "logrou crear un espazo de grande calidade urbanística, incidindo no obxectivo de impulsar corredores verdes que conecten os parques da cidade coas marxes do río Lérez e a ría de Pontevedra".
Por último, Iván Puentes amosouse "encantado" cos resultados desta intervención e lembrou que a súa intención é "darlle continuidade ao proxecto incorporando ao parque outros 400 metros cadrados de superficie da parcela adxacente" para que os veciños conten "cunha zona verde moito máis ampla, de máis de 1.000 metros cadrados, na que se crearán unha pista de petanca máis e dous xogos de chave. Esta nova actuación situaría o investimento global do proxecto en máis de 86.000 euros".
Inauguración do novo parque con dúas pistas de petanca e zonas de sombra e descanso no barrio do Burgo
Os veciños de Pontevedra xa poden desfrutar dun novo parque de 652 metros cadrados dotado de dúas pistas de petanca e de zonas de sombra e descanso no barrio do Burgo
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Impulso ao proxecto de ampliación da rede municipal de campos de petanca
Por Redacción |
-
Melloras paisaxísticas e de seguridade para o Parque Maruxa Mallo, antes de 2022
Por Redacción |
-
Os recentemente inaugurados campos de petanca do Burgo acollen o trofeo Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Instalan céspede artificial para completar a renovación do parque infantil de Ricardo Portela
Por Redacción |
-
O equipo do barrio do Burgo, vencedor na xornada final dos Xogos na rúa Efecto PO2
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Pontevedra sumará este ano dez novas pistas á súa rede de campos de petanca
Por Alejandro Espiño |