As axudas do Plan Supera21 poderán destinarse a investimentos ou a gasto corrente
Por Alejandro Espiño
Case un millón de euros destinará o goberno municipal de Pontevedra á liña de axudas do Plan Supera21, destinado a autónomos, pequenas empresas ou entidades de economía social que se viran afectados pola crise provocada pola pandemia da covid-19.
O novo plan foi presentado polas concelleiras Anabel Gulías e Yoya Blanco, como responsables de Promoción da cidade e Promoción económica, respectivamente. Ambas detallaron as novidades que presenta a convocatoria de axudas deste ano, con respecto ao plan Supera20.
O principal cambio, froito do consenso coas asociacións empresariais, é que os interesados poderán presentar dúas solicitudes diferentes. Por una banda, poderán acceder a cartos para realizar investimentos e, pola outra, para poder sufragar todo tipo de gastos correntes.
Con respecto aos investimentos, para os que se reservan uns 600.000 euros -que se ampliarán se se esgota a partida-, poderán ser para dixitalización, accesibilidade, obras de renovación, eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario ou maquinaria e vehículos comerciais.
Na segunda solicitude, de gasto corrente, o Concello ofrecerá 300.000 euros para financiar cuestións derivados da adquisición de material de protección e prevención da covid 19.
Ademais, tamén se cubrirán gastos derivados da adaptación do comercio en liña, entre os que se inclúen os servizos de entrega a domicilio; gastos de publicidade ou difusión da actividade, a contratación de profesionais externos ou a reparación e mantemento do mobiliario.
O Concello tamén fixo cambios nos criterios de puntuación para a obtención das achegas. Nese sentido, serán premiados aqueles negocios que máis invistan, na procura dun efecto multiplicador para a economía local.
Tamén se terá en conta a diminución da facturación, ademais do mantemento e a creación de emprego e puntuará positivamente o uso do galego como vehículo para a súa normalización.
Por último, e como novidade no Supera21, serán premiadas as solicitudes que cheguen ben rexistradas e completas, pois é un factor que "axiliza tremendamente os tempos de adxudicación e a resolución das axudas", explicou Anabel Gulías.
O goberno municipal comprometeuse a anticipar o 100% dos cartos que se concedan nas axudas, fronte o 70% que se adiantou na convocatoria do ano pasado. A nivel individual, as achegas poderán ser de ata 5.000 euros por solicitude.
A primeira solicitude, a de investimento, está pendente de publicación no Boletín Oficial da Provincia, feitos xa todos os trámites posíbeis por parte do Concello. As de gasto corrente sairán, aproximadamente, en quince días.
Ademais, seguindo as peticións dos sectores, o prazo de presentación de solicitudes para as axudas aumentará de 15 días do Supera20, a 30 días naturais logo da publicación no BOP.
Relacionadas:
-
As axudas Supera21 para a compra de ordenadores e investimentos en pemes, en vía de pagamento
Por Alejandro Espiño |
-
O Plan Supera21 recibe 325 solicitudes para financiar investimentos en empresas
Por Alejandro Espiño |
-
Trinta días para solicitar as axudas do Plan Supera
Por Redacción |
-
O prazo de solicitude das axudas do Plan Supera comeza o 2 de setembro
Por Redacción |
-
As axudas municipais para comprar ordenadores reciben 256 solicitudes en só catro días
Por Redacción |
-
As axudas Supera 21 admitirán PEMES e financiarán gastos de material por envío a domicilio
Por Redacción |
-
Supera21 activa un plan de 1,3 millóns en axudas a autónomos e microempresas
Por Alejandro Espiño |