Aquagest non é capaz de localizar a orixe do forte olor a gasóleo na Escola Infantil O Toxo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra informou que os técnicos de Aquagest non foron capaces de localizar a orixe do forte olor a gasóleo na Escola Infantil O Toxo. "A pesar dos esforzos da compañía concesionaria da xestión da rede de saneamento da cidade, non puido localizar a procedencia do verquido do hidrocarburo á rede de saneamento", indicaron fontes municipais.
Segundo as sospeitas da compañía, esta vertedura púidose realizar durante a fin de semana ou mesmo de noite, "polo que ás posibilidades de localizalo son moi reducidas".
Dende a concesionaria Aquagest, informaron que este tipo de verteduras son moi complicadas de localizar e detectar salvo cando se denuncia de xeito inmediato, ademais na zona na que se detectaron os olores, no ámbito do barrio de San Roque e Avenida de Raiña Vitoria, conflúen varios colectores da cidade e aínda que o olor era perceptible en todo o colector non se atoparon restos de ningunha vertedura.
A Escola Infantil O Toxo, no Concello de Pontevedra, permaneceu este martes pechada por segundo día consecutivo como medida de precaución á espera de que desapareza o forte olor a gasóleo no interior do centro.
Nunha reunión celebrada este luns ás 19:00 horas a dirección do centro informou os pais dos nenos do centro que dende a Consellería de Benestar se habilitaron once prazas na gardaría de Campolongo para acoller provisionalmente os nenos daquelas familias que non teña outra alternativa.
Finalmente esta opción non foi necesaria xa que os pais optaron por outras solucións para que os pequenos pasen este martes.
Dende a dirección do centro informaron que a xornada do martes se aproveitou para seguir ventilando o centro e limpando exhaustivamente todas as instalacións e materiais como os xoguetes, enxoval de cociña, despensas, mantas e roupa de cama, ou os chupetes e biberóns, entre outros.
Para mañá abrirase de novo o centro con total normalidade, pois a media mañá de hoxe o cheiro xa era imperceptible. Estas mesmas fontes insistiron en que a orixe deste olor é allea a esta gardaría.