Sanidade organiza o sábado un cribado para 1.300 veciños de Cerdedo-Cotobade de 20 a 49 anos
Por Redacción
A Consellería de Sanidade decidiu organizar un cribado en Cerdedo-Cotobade para intentar frear a expansión da covid-19, que levou ás autoridades a activar no municipio o nivel alto de restricións a partir do sábado 28 de agosto.
Precisamente ese sábado foi a data elixida para o cribado, que se fará con PCR nasofarínxea e busca detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus.
Este cribado voluntario organízase en coordinación co Concello de Cerdedo-Cotobade e realizarase no pavillón de deportes de Tenorio en horario de mañá e tarde. O horario será de 9 a 14 e de 16 a 21 horas.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai convocar por SMS a 1.300 habitantes de Cerdedo-Cotobade con idades comprendidas entre os 20 e os 49 anos.
O Sergas desprazará a Tenorio tres equipos de enfermaría, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización das tomas de mostras e información aos usuarios.
Todas as mostras tomadas con PCR nasofarínxea procesaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados serán comunicados aos usuarios por SMS, sempre que estes sexan negativos. No caso de resultar positivos, estas notificacións comunicaranse de xeito individual a cada cidadán.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fai un chamamento á poboación para que acuda a realizar as probas. "Prégase a máxima asistencia e colaboración co fin de detectar ás persoas asintomáticas de idades comprendidas entre os 20 e 49 anos e poder controlar o aumento de casos de covid-19 que se están a detectar", sinalou este xoves a través dun comunicado.
Relacionadas:
-
Sanidade abre un novo sistema de autocitas para repescar os que non se vacinaran
Por Redacción |
-
Os cribados para detectar asintomáticos continuarán a próxima semana en Poio
Por Redacción |
-
A área sanitaria baixa ata os 731 casos activos e mantén 22 hospitalizados por covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Así avanza a quinta onda: 38 novos positivos, un paciente máis en UCI e redución dos casos activos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, únicos concellos en nivel alto a partir do sábado na área
Por Redacción |