Convocan unha xornada para erradicar acacias arrincándolles a cortiza en Cabo Udra
Por Redacción
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Beluso organiza para o sábado 4 de setembro a segunda xornada de voluntariado para erradicar as acacias en Cabo Udra, un espazo natural integrado na Rede Natura 2000 e na Zona de Especial Conservación.
Desde este colectivo anúnciase que a eliminación se fai a través dunha fórmula natural, sen empregar produtos químicos. O sistema consiste en arrincar a cortiza a aquelas árbores desta especie para cortar a circulación do zume cara ás raíces, desta forma co paso dos meses, a árbore seca. Esta especie, segundo os especialistas, é unha das máis invasoras do planeta e ameaza a árbores autóctonas co perigo que tamén teñen na propagación de lumes forestais.
A actividade comezará ás 09.00 horas e, ademais dos integrantes da Comunidade de Montes, tamén está aberta a persoas voluntarias que queiran participar. En caso de estar interesadas, deberán cubrir un formulario de inscrición para facilitar os datos precisos que permitan formalizar un seguro de accidentes.
O prazo permanecerá aberto ata o mércores 1 de setembro a través desta ligazón: https://forms.gle/
As persoas que participen deberán levar luvas e a súa propia ferramenta, unha pequena machada ou unha fouciña. A organización achegará auga durante as tarefas e, ao finalizar, convidará as persoas voluntarias a un aperitivo en sinal de agradecemento.
O punto de encontro será a aula de Natureza en Cabo Udra e os traballos durarán ata as 12.00 horas.