A ONCE renuncia a construir o seu novo Centro de Recursos Educativos debido á crise económica
Por Alejandro Espiño
Un dos convenios urbanísticos máis ambiciosos que estaba en marcha en Pontevedra paralízase definitivamente. A ONCE non construirá o seu novo Centro de Recursos Educativos (CRE). Renuncia debido á actual conxuntura económica. Alegan que a crise impídelles afrontar e, sobre todo, rendibilizar dito proxecto. Só a construción deste inmoble estaba valorada en máis de tres millóns de euros.
A renuncia a este convenio analizarase na Comisión de Urbanismo extraordinaria convocada para este xoves. Antón Louro recoñece que nos últimos meses mantivo "diferentes reunións" con representantes da ONCE, quen lle sinalaron que a crise económica obrigáballes a que "certos compromisos", como a construción deste novo centro, "se tiñan que desprazar no tempo".
O acordo entre a ONCE e o Concello de Pontevedra, asinado en 2009, non só recollía a construción do CRE na denominada Unidade 18, o polígono urbanizado entre as rúas Eduardo Pondal, 12 de Novembro e Joaquín Costa. Entre outras cuestións, a ONCE ía edificar unhas 200 vivendas nun solar recualificado polo Concello en Campolongo, construír un aparcamento público e abrir un vial entre Campolongo e a Avenida de Vigo.
En todo caso, o concelleiro de Urbanismo afirmou que o goberno municipal está estudando "diferentes posibilidades e escenarios" ante esta renuncia, algo que, dixo, hai que facer con "serenidade, tranquilidade e xenerosidade". Neste sentido, destacou que con respecto a este convenio hai dúas posibilidades: "seguir armándose de paciencia e seguir o curso das cousas" ou romper o convenio e anular a modificación puntual do PXOM aprobada no seu día.
Esta mesma "prudencia" pídelle Antón Louro aos concelleiros do PP, quen este martes fixeron pública a decisión da ONCE. "Non pódese facer oposición a calquer prezo", afirmou o edil socialista, especialmente cando se vai en contra dos "intereses dá ONCE e do Concello de Pontevedra", xa que insistiu nos intereses municipais "pasan pola máxima colaboración coa ONCE".
O PP PIDE RESCINDIR O CONVENIO
Ricardo Aguilar, o concelleiro popular que desvelou a renuncia da ONCE, reclamou ao Concello de Pontevedra, que rescinda o convenio vixente "porque non temos nada". Para estudar esta posibilidade solicitarán un informe ao secretario municipal "para que nos informe en qué situación queda este asunto". En todo caso, para o PP esta renuncia é "preocupante" porque se trata, dixo, "de una de las actuaciones urbanísticas estrella junto con Tafisa".
Ademais do novo edificio da ONCE, Ricardo Aguilar lamentou que "nada se va a hacer" tampouco co pretendido vial que ía conectar Fernández Ladreda, a Avenida de Vigo e a zona de San Blas, que ía servir "para abrir ciudad hacia esta zona". Esta situación é unha mostra, sinalou, do "fracaso de Lores y de sus gobiernos" en materia urbanística, xa que denunciou que en dez anos "salvo aceras y el arreglo de calles no se ha hecho nada".
Relacionadas:
-
Louro cre que a "ocurrencia" de Lores para o centro cívico na ONCE "non está suficientemente madura"
Por Alejandro Espiño |
-
A antiga residencia da ONCE reconverterase no "gran centro cívico da Pontevedra Sur"
Por Alejandro Espiño |
-
Xogos e xoguetes para nenos cegos e con discapacidade visual
Por Redacción |
-
O Concello e a ONCE aparcan "ata mellores tempos" o convenio urbanístico do 2009
Por Oskar Viéitez |