Zona Franca trazará un plan para impulsar Caldas, Cuntis, Catoira e Ponte Caldelas
Por Redacción
Mellorar a competitividade e impulsar actividades de impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade a longo prazo. Eses son os obxectivos do plan que Zona Franca trazará para catro concellos da provincia.
Trátase de Caldas de Reis, Cuntis, Catoira e Ponte Caldelas. Os catro alcaldes mantiveron este martes unha xuntanza de traballo co delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, con quen asinaron os convenios para realizar estes traballos de análise.
O estudo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos dos municipios. Nel, analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental, así como a repercusión da crise creada pola covid-19.
A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que teñen os concellos asinantes e a súa repercusión no desenvolvemento económico no seu contorno.
Tras este exhaustivo diagnóstico territorial, deseñaranse os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións "específicas, claras e realistas" para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida da mesma, sinalou Regades.
O plan, como indicou o delegado da Zona Franca, terá una duración máxima de catro anos e terá a visión dos expertos e da economía da zona para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas sobre a situación actual e os retos futuros.
Ademais, tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, "para traer eses exemplos que poidan ser inspiradores", defendeu o representante do Estado.
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, explicou que este plan estratéxico será unha ferramenta "imprescindible" para o desenvolvemento ordenado da comarca, "que nos permitirá alcanzar altas cotas de desenvolvemento socioeconómico, mellorar o emprego e a calidade de vida ".
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, engadiu que este tipo de proxectos "son moi favorecedores para a economía local" porque axudan a mellorar a competitividade do pequeno comercio, permitindo atraer máis poboación e evitando o despoboamento rural.
Pola súa banda, os alcaldes de Catoira e Cuntis, Alberto García e Manuel Campos, coincidiron en afirmar que proxectos como este, que permitirán analizar a economía dos diferentes concellos, servirán para poñer en marcha novos proxectos que supoñerán un impulso á economía coa consecuente creación de postos de traballo.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio e Zona Franca elaborarán un plan estratéxico para o municipio
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas programa unha nova entrega de Capacitadas, un obradoiro de emprego para mulleres
Por Redacción |
-
O centro de formación da Ran ofrece dous cursos para mellorar a inserción laboral en Cuntis
Por Redacción |
-
Zona Franca mediará para desbloquear os accesos ao polígono empresarial de Veigas de Almorzar
Por Redacción |
-
Zona Franca analizará a economía de Arousa e O Salnés para propoñer unha folla de ruta na saída da pandemia
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra e Zona Franca elaborarán un plan estratéxico para a capital e a súa área
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Zona Franca de Vigo comprométese a colaborar co Concello para crear un polígono industrial en Vilaboa
Por Redacción |