Sanxenxo renova a flota de vehículos da Policía Local con cinco coches híbridos
Por Redacción
A Policía Local de Sanxenxo conta desde agora con cinco novos coches patrulla con sistema híbrido. Os vehículos, que foron presentados esta mañá, custarán 197.000 euros.
Chegan mediante a modalidade de renting durante o próximos catro anos, un programa que incluirá o mantemento integral, a reparación e o seguro a todo risco sen franquía durante o período do contrato.
Estes novos coches, máis eficientes e respectuosos co medio ambiente, substituirán a outros cinco con máis de dez anos de antigüidade e con numerosas avarías acumuladas.
Dous destes vehículos xa foron entregados ao módulo de Automoción do IES Vilalonga para que os alumnos poidan realizar prácticas de mecánica.
"Estes novos cinco vehículos demostran o compromiso de Sanxenxo coa seguridade cidadá, pero tamén co medio ambiente", explicou o alcalde, Telmo Martín, no polígono industrial de Nantes, onde se situará a futura sede da Policía Local.
Dentro deste esforzo por facer de Sanxenxo un municipio seguro, Martín expuxo publicamente abrir un debate sobre a necesidade de que a seguridade se reforce con Policía Nacional, especialmente no verán cando se quintuplica a poboación do municipio.
A este respecto, o alcalde non reclama unha comisaría para tramitar DNI "senón buscar fórmulas para contar co reforzo da Policía Nacional en determinados momentos do ano".