Sete concesionarios ofertan coches para substituír o vehículo oficial do alcalde
Por Alejandro Espiño
Ata sete concesionarios presentaron as súas propostas para dotar ao Concello dun novo coche oficial para a Alcaldía. Entre os licitadores, segundo explicou o goberno municipal, hai establecementos de Pontevedra e mesmo algún de fóra de Galicia.
A portavoz do executivo local, Anabel Gulías, sinalou que o concurso se resolverá "o antes posible", xa que actualmente o Concello carece de coche oficial.
As ofertas revisaranse nunha mesa de contratación que se celebrará este venres.
Unha vez elixiuse a mellor oferta, o concesionario terá un prazo de catro meses para a entrega do novo vehículo, que deberá ser unha berlina de cor azul escura, con tecnoloxía híbrida e que teña entre 120 e 150 cabalos de potencia.
O prezo de licitación para a adquisición do novo coche é de 74.415 euros.
ATRASO NAS OBRAS DE BOMBEIROS
O Concello informou tamén este luns do atraso nas obras para adecuar os espazos comúns no parque de bombeiros. Os traballos, que deberían concluír en abril, prolongaranse ata finais de outubro.
Entre os motivos deste atraso atópase a escaseza de materiais de construción e as dificultades que existen actualmente nas canles de distribución e subministración.
Ademais, tamén están pendentes os informes sectoriais necesarios para ampliar a capacidade eléctrica do parque e os traballos víronse retardados pola falta de persoal na empresa que executa as obras, en parte polas baixas provocadas pola covid-19.
Relacionadas:
-
Domínguez asegura que venderá o coche oficial da Alcaldía cando sexa alcalde
Por Redacción |
-
Domínguez censura os "privilegios" dos concelleiros e o goberno municipal táchao de "mentiroso"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O novo coche oficial do alcalde será unha berlina de tecnoloxía híbrida e enchufable
Por Alejandro Espiño |
-
Medio millón de euros e catro meses de obras para reformar o parque de Bombeiros
Por Redacción |