Bandeira vermella nas praias de Pragueira e Bascuas por unha avaría na tubaxe de abastecemento
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As praias de Pragueira e Bascuas atópanse pechadas desde este luns 23 de agosto aos bañistas. Segundo comunica o Concello de Sanxenxo, a causa atópase nunha avaría na canalización de abastecemento que provocou verteduras nesta zona.
Por este motivo izouse a bandeira vermella e queda prohibido o baño nestes areais. Segundo indican desde o goberno local, a empresa concesionaria deste servizo, Espina y Delfín, atópase traballando xa na reparación desta anomalía na tubaxe de saneamento, unha infraestrutura que proporciona impulsión ao bombeo de Aios
En Pragueira, as verteduras chegaron ao mar a través do regato, segundo sinalan desde o Concello. En Bascuas, o peche realízase por precaución, xa que os desperfectos afectaron ao bombeo.
Esperan que ao longo desta xornada poida repararse co obxectivo de que este martes 24 as dúas praias poidan reabrirse ao baño. Todo quedará á espera dos resultados das analíticas que se realicen sobre a presenza de residuos nas augas destas coñecidas e frecuentadas praias da vila turística.