Tarde de domingo desastrosa en Loureiro Crespo: rouban en media ducia de pisos do mesmo edificio en apenas dúas horas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Desde hai varios meses, hai veciños da rúa Loureiro Crespo de Pontevedra que notaron "mucha inseguridad". O ambiente do barrio enrareceuse, hai persoas que se queixan polos ruídos, comerciantes que denuncian danos e outros que aseguran que "tienen miedo". A situación hai xa semanas que se fixo insostible, pero na tarde deste domingo viviron o que consideran que é a gota que colmou o vaso ao detectarse polo menos media ducia de roubos en apenas dúas horas no mesmo edificio.
Ocorreu no edificio do número 23, de sete plantas. A Comisaría Provincial da Policía Nacional tiña ao mediodía do luns constancia de catro casos, aínda que os veciños aseguran que hai polo menos seis roubos e que mesmo hai algúns residentes cos que aínda non puideron contactar que pode tamén fosen vítimas da mesma onda de roubos.
Todo sucedeu, segundo relatan fontes veciñais, entre as cinco e as sete da tarde. A Policía Nacional, que mantén aberta unha investigación polo ocorrido, fala da tarde do domingo, pero aínda non se puido definir o momento exacto do roubo. Si puideron constatar que a algúns pisos accederon a través de xanelas e a outros usando unha panca para forzar a porta.
A hipótese inicial é que os autores foron os mesmos, aínda que de momento as investigacións están un momento incipiente. Axentes da Brigada de Policía Científica trasladáronse durante a xornada deste luns ata o edifico para recoller probas que resultarán cruciais para dar cos autores.
En todos os pisos asaltados o bote foi o mesmo, diñeiro e xoias, e os autores non levaron nin electrodomésticos nin outros obxectos de valor. "Joyas, ni siquiera discriminaron, cogieron los joyeros y se llevaron las buenas y también la bisutería. Se nota que tenían prisa", relata unha veciña, que se fai eco do medo que espertou entre os veciños do inmoble.
Fontes veciñais explicaron a PontevedraViva que un dos veciños en cuxa casa roubaron contaba cun sistema de gravación de seguridade no que se ve que unha muller entrou ao piso sobre as sete da tarde e que noutro os ladróns accederon forzando unha porta de seguridade, aínda que na maioría nin sequera forzaron a porta, senón que entraron por outros medios.
Os veciños déronse conta a partir de última hora da tarde, cando regresaron das praias ou de realizar plans dominicais e sinalan que os ladróns aproveitaron que é habitual que no verán nas tardes dos domingos os veciños adoitan facer plans fóra das súas vivendas, sen contar con que hai persoas que si se atopaban nas súas casas e agora teñen moito medo.
O temor veciñal é a que os ladróns volvan entrar e os atopen dentro das súas casas. Este medo súmase, ademais, a que o barrio xa estaba revolucionado desde hai meses, "en el barrio y en esta calle en particular hay un ambiente muy raro"".
"Peleas, empujones, sangre en la calle, gente rara..., los comerciantes tienen miedo porque hay peleas, orinan en los contenedores, tiran colillas... el ambiente es malo en general y esto nunca fue así", relata unha veciña do edificio afectado, que asegura que a sensación de inseguridade é xeralizada, en especial entre a xente maior.
O seu medo é porque non saben quen se move polo seu barrio, pero tamén porque "ahora sabemos que (los ladrones) camparon a sus anchas por el edificio y eso genera inseguridades". Na noite do domingo ao luns, moitos veciños non lograron durmir e tan só tiñan en mente que hai uns meses tamén houbo roubos noutra rúa do barrio, Amado Carballo, e "era cuestión de tiempo" que chegasen a eles.
A sensación de inseguridade é tal que fontes veciñais trasladaron a este xornal que a comunidade estuda tomar as medidas oportunas, "va a considerar contratar seguridad privada" e a partir de agora "estaremos alerta" pois "la gente tiene mucho miedo y hay mucha gente mayor".