Bueu reivindica a cultura do mundo mariñeiro con xornadas de promoción do polbo
Por Redacción
O Concello de Bueu, en colaboración coa Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, celebrou este sábado unha xornada de promoción do Polbo de Bueu. O evento, que substitúe á tradicional Festa do Polbo, reivindicou no Estaleiro da Banda do Río a cultura vinculada ao mundo mariñeiro.
O presentador do acto, X. H. Rivadulla Corcón, destacou "a necesidade de defender o dereito das persoas a vivir do mar e de forma digna", mentres que o filólogo e lingüista bueués, Xosé Manuel Dopazo, impartiu unha charla baixo o tema "Polbo: un termo en discusión". Explicou a etimoloxía do termo, a súa traxectoria literaria e a dialectoloxía para concluír que "polbo é a única palabra galega que non ofrece dúbidas e por iso é a máis idónea para empregar".
Despois chegou a hora do momento musical. O grupo local Anda Roda, conformado por Guilleme Inácio, Xulia Feixóo e Jaime Rebollo, interpretou tres pezas musicais vinculadas ao ámbito tradicional e mariñeiro.
Tamén celebraron unha mesa redonda sobre a pesca do polbo. Nela participaron José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu, e Yaqui Lista, mariñeira de Camariñas, que falaron da dureza da pesca do mar e da inmensa calidade do polbo galego, "un produto que se alimenta de crustáceos e moluscos e que non deixa indiferente a ninguén".
Finalmemtente, Félix Juncal, alcalde de Bueu, pechou as xornadas facendo referencia á importancia deste sector económico e aproveitou a ocasión para solicitar que o goberno central adopte as medidas necesarias de cara á repatriación urxente de Pablo Costas Villar, mariñeiro bueués que leva once meses secuestrado en Iemen xunto a trinta mariñeiros que sobreviven en condicións infrahumanas.
Relacionadas:
-
Volve o polbo fresco ás lonxas galegas
Por Redacción |
-
A Festa do Polbo regresará a Bueu en agosto
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno xestiona o traslado de Pablo Costas á capital de Iemen e agarda un "rápido" regreso a Bueu
Por Redacción |
-
O BNG urxe ao Goberno que traballe para a evacuación inmediata do patrón de Bueu retido en Iemen
Por Redacción |
-
Segundo ano sen Festa do Polbo en Bueu, que a substitúe por dúas xornadas de conferencias e degustacións
Por Redacción |