Detectan vertidos de residuos fecais de autocaravanas en Chancelas
Por Redacción
A tenente de alcalde e responsable da área de Obras e Servizos, Chelo Besada (PSOE), insta aos propietarios e propietarias das autocaravanas estacionadas nas inmediacións do colexio de Chancelas, en Combarro, a que “utilicen a área de servizo específica para este tipo de vehículos da que dispoñemos na Seca”.
Besada fixo este recordatorio logo de comprobar que algunhas autocaravanas fixeron uso da rede de pluviais nesta zona para o vaciado de augas negras, unha práctica que “está totalmente prohibida” e que pode ser motivo de importantes sancións económicas, indica a edil do goberno municipal.
Cómpre lembrar que durante a temporada estival o número de prazas para estacionar na área da Seca amplíase substancialmente, ao poder utilizarse durante estes meses de verán o campo de billarda. A concelleira de Obras e Servizos sinala que, ante estes feitos, “estamos coordinándonos co departamento de Seguridade Cidadá para que na zona de Chancelas os aparcadoiros sexan exclusivos para turismos”.