O saneamento do núcleo poiense de San Martiño completarase a partir do outono
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local de Poioabordará na súa vindeira sesión a aprobación do expediente correspondente a un proxecto que servirá para dotar de saneamento a un núcleo de vivendas situado no lugar de San Martiño, pertencente á parroquia de San Xoán. A Comisión de Urbanismo xa deu o seu visto bo o pasado martes.
Unha vez superado este trámite, o Concello estará en disposición de iniciar o proceso de licitación previo á adxudicación. Así o sinalou este xoves a concelleira de Obras e tenente de alcalde, Chelo Besada, que avanza que o orzamento ascenderá a uns 90.000 euros aproximadamente.
Unha vez iniciado o proceso, abrirase un prazo para que as empresas interesadas en asumir a obra presenten as súas ofertas. A actuación incluirá a dotación do servizo de saneamento e, ademais, procederase a renovar a pavimentación. Chelo Besada explicou que este proxecto servirá para completar os traballos realizados hai xa varios anos nesta zona da parroquia de San Xoán, onde no seu día se habilitou o saneamento para un importante número de veciños.
Naquel momento, o treito que sairá a licitación quedara pendente de acometer, debido ás dificultades que presenta o terreo e que implican a instalación dun sistema de bombeo, de xeito que se adapte mellor ás características do lugar. A tenente de alcalde mantivo un encontro coa veciñanza da zona para dar traslado dos detalles da obra, que, previsiblemente, dará comezo a principios do outono. Grazas a esta actuación, pasarán a contar con esta prestación máis de media ducia de vivendas.
"Seguimos a traballar para efectuar estas obras en núcleos ou zonas concretas do rural", indica Chelo Besada, que lembra que máis do 90% do territorio municipal xa conta con canalizacións e sistemas de bombeo para garantir a prestación.