Nova sauna con madeira de abeto para a piscina municipal de Sanxenxo
Por Redacción
A piscina municipal de Sanxenxo contará a partir do mes de setembro cunha nova sauna máis ampla e moderna que substituirá á anterior, instalada hai 17 anos.
A nova instalación terá capacidade para 8 persoas e a cabina será de madeira de abeto. A fachada frontal será acristalada e contará con dous niveis de bancos con luces led. O investimento nesta instalación será de 12.353 euros.
Unha vez que estea xa instalada, a posta en marcha da nova sauna dependerá das restricións sanitarias que marquen as autoridades pola Covid.
A mellora deste servizo súmase ás actuacións xa realizadas nas piscinas municipais ao longo deste ano e que se puideron xa estrear coa súa reapertura o pasado mes de maio.
Entre as melloras atópase a renovación da maquinaria do ximnasio que permitiu habilitar dúas zonas novas, unha funcional e outra de abdominais e estiramentos. Nos vestiarios, colocáronse novos armarios e instaláronse biombos nas duchas.
Na piscina renovouse o sistema de impulsión de aire e colocáronse dúas novas duchas na piscina pequena.
En todos os espazos realizouse un pintado xeral, un rexuntado de plaquetas e un cambio no sistema da iluminación a luces tipo led, así como a limpeza de todos os condutos de ventilación e renovación de imaxe nas diferentes zonas.