Fin de obra nas parroquias de Agudelo e A Portela
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, visitou as obras de mellora de viais levadas a cabo na parroquia de Agudelo, nos lugares de Güimil e Faxil, e na parroquia da Portela, na pista que vai desde o lugar da Porriña ata o Camiño Portugués a Santiago.
Estes traballos encádranse dentro do plan municipal de mellora da seguridade e do estado dos viais municipais nas distintas parroquias.
As obras consistiron na mellora do estado do firme, no pintado e na colocación de sinalización vertical na pista que conecta a Igrexa de Agudelo e a estrada provincial EP-0507 cos núcleos de Güimil e Os Casás, e tamén na pista paralela ao viaduto do tren que conecta os lugares de Faxil e O Concello.
Estas actuacións contaron cun orzamento de 45.771 euros, dos que 37.875 euros fináncianse con cargo ao Plan Marco 2021-2022 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). A cantidade restante finánciase con fondos propios do Concello de Barro.