O TSXG avala o cesamento de Pilar Portela como xerente do Pazo e descarta a indemnización
Por Natalia Puga
Pilar Portela, ex xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra, non deberá ser readmitida como traballadora do Concello de Pontevedra nin tampouco recibirá a indemnización de 127.840 euros que fixou o Xulgado do Social número 3 de Pontevedra. Así o acaba de dicir o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, deu a coñecer a sentenza este luns. Trátase dun fallo que bota por terra a sentenza do Xulgado do Social e contra o que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
O Concello cesou a Pilar Portela no marco do proceso de disolución do organismo autónomo do Pazo de Cultura ao entender que era persoal de alta dirección vinculado ao Pazo e, ao desaparecer o organismo, tamén o seu posto de traballo. Con todo, o Xulgado do Social número 3 de Pontevedra concluíu que non era un cese, senón un despedimento, que era improcedente e, por tanto, Pilar Portela debía recibir unha indemnización de 127.840 euros ou readmitila.
O Concello decidiu recorrer #ante o TSXG e agora a Sala do social do Alto Tribunal galego estima o recurso de suplicación presentado e desestima a sentenza previa, de modo que avala o cesamento inicial acordado polo Concello e exímeo do pago da citada indemnización.
"É o que entendía o Concello", insistiu Anabel Gulías, que defende que non foi un despedimento improcedente senón un cesamento e recorreu porque a sentenza de primeira instancia "non se axustaba ao acontecido realmente" e neste caso debe aplicarse a Lei de Función Pública de Galicia e "ao disolver o organismo autónomo, é lóxico o cese dese posto de traballo".
Ademais de aplaudir a decisión do TSXG, Anabel Gulías tamén quixo responder ao PP local e as súas predicións "apocalípticas" nas que acusaba á concelleira de Persoal, Carmen Fouces, de "chapuzas" que custarían diñeiro ao Concello de Pontevedra.
Finalmente, "unha sentenza volve dar a razón e botar por terra as predicións apocalípticas do PP", conclúe Gulías, que critica que o Partido Popular leva todo o actual mandato municipal acusando a responsable de Persoal e opinando "sen ningún tipo de base e sen ver os expedientes".
Relacionadas:
-
Pilar Portela coordinará o novo departamento de música e danza da Agadic
Por Redacción |
-
Os obradoiros de Migallas Teatro, no limbo
Por Natalia Puga |
-
O PP pide a dimisión de Carmen Fouces tras a sentenza polo despedimento de Pilar Portela
Por Redacción |
-
O Concello recorrerá a sentenza sobre o cesamento de Pilar Portela ao apreciar "incoherencias"
Por Alejandro Espiño |
-
O despedimento de Pilar Portela foi improcedente e será indemnizada con 127.000 euros
Por Alejandro Espiño |