Censuran a "falta de civismo" de Funzo e Baby Loud por animar o público a aglomerarse fronte ao escenario
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa lamenta os acontecementos que se produciron este domingo durante o concerto de Funzo & Baby Loud que se desenvolvía na Xunqueira dentro da programación das Festas de San Roque.
O concerto desenvolveuse con normalidade e atendéronse as medidas sanitarias do protocolo anticovid. O problema xurdiu cando o público comezaba a abandonar o recinto. Segundo explican desde o goberno local, os artistas regresaron ao escenario e animaron aos espectadores que quedaban, na súa maioría público adolescente, a levantarse e achegarse ao escenario para bailar un tema máis.
A organización interveu de maneira inmediata e en dous minutos logrou evitar a aglomeración. Cortouse o son, os artistas foron retirados do escenario e o grupo de seguidores, disolto.
O goberno local de Vilagarcía lamenta o que define como "falta de civismo" e mostra o seu malestar porque unha "saída de ton tan irreflexiva e fóra de lugar dos artistas, especialmente na situación de pandemia na que nos atopamos, faga que un concerto que se desenvolveu con total normalidade, termine de forma tan desafortunada e vaia lembrarse precisamente por iso". Recrimina, ademais, a posterior actitude dos artistas xactándose nas redes sociais da acción realizada e provocando á mocidade a saltarse as normas sanitarias.