O sector da construción alerta da escaseza de materiais
Por Redacción
A construción sofre a súa particular crise coa falta de materia prima pola forte fluctuación dos prezos. O desabastecemento impide ás promotoras pechar prezos a longo prazo e dificulta a comercialización de novas vivendas, segundo alertou a Asociación de construtores da provincia de Pontevedra.
Os efectos desta escaseza de materias primas afectan practicamente a todos os sectores e a nivel mundial, impedindo no caso das promotoras para pechar un prezo polas vivendas que ofertan polo ‘baile’ practicamente diario do aluminio, o aceiro ou o cobre, por poñer algúns exemplos.
Así o indica Javier Carballeda, xerente da Asociación de Construtores de Pontevedra, explicando que o súbito incremento dos prezos dos materiais vén provocado por dous factores principalmente: "En primeiro lugar están os efectos da pandemia que, tras meses de parón, a actividade recupérase e estao facendo en forma de uve moi pronunciada, ocasionando que a oferta e a demanda se desequilibre", afirma Carballeda.
Estes materiais procedentes na súa maior parte de China, son transportados en buques contedores, un transporte que nos últimos meses chegou a triplicar os seus prezos, segundo precisa o xerente da asociación provincial de construtores: "Co problema que se xerou en marzo co bloqueo da canle de Suez disparou o prezo do tráfico marítimo neste último ano, facendo que os materiais pasen a ter prezos desorbitados, pero xa non só no ámbito da construción", sinala Javier Carballeda.
Desde o pasado mes de marzo o sector alerta dunha forte subida nos prezos dos materiais necesarios para a construción, deixando aos provedores sen capacidade para garantir que este custo non incremente ao día seguinte. "Á hora de comercializar pódese pechar hoxe un prezo, pero poden verse incrementados despois por culpa desta fluctuación nas materias primas", conclúe Carballeda.