Expertos en mobilidade reúnense en Pontevedra nas 'Xornadas de Infancia e Cidade'
Por Oskar Viéitez
Pontevedra acollerá esta fin de semana, 19 e 20 de outubro, as II Xornadas de Infancia e Cidade. Á reunión do grupo de traballo asistirán 26 expertos representantes de administracións (fundamentalmente locais), entidades, centros educativos, consultoras e ONGs que desenvolven programas educativos ou de participación centrados na mellora da mobilidade urbana e da autonomía infantil.
Serán dous días de relatorios dirixidos a profesionais do sector organizadas en colaboración do Ceneam (Centro nacional de educación ambiental, do Ministerio de Medio) e desenvolveranse no Pazo da Cultura e no Teatro Principal.
Estas xornadas contarán coa presenza do prestixioso pedagogo italiano Francesco Tonucci, invitado polo Concello.
"Mobilidade e infancia" é un dos grupos de traballo permanente da Ceneam, dirixido por María Sintes, responsable da área de Educación e Cooperación do Ceneam, que visitou o pasado mes de maio a cidade de Pontevedra. Este grupo de traballo creouse no ano 2011 e reúnese unha vez ao ano. En 2012 foi na cidade de Segovia, onde tamén estivo Pontevedra.
O obxectivo deste grupo de traballo é promover o encontro de representantes de concellos, entidades, centros educativos, empresas consultoras e ONGs implicados en programas de mobilidade infantil, para facilitar o intercambio de experiencias, metodoloxías, recursos e boas prácticas. Tamén busca favorecer o coñecemento das diferentes experiencias e modelos de traballo que se están a desenvolver no ámbito dos programas de mobilidade infantil urbana co obxecto de impulsar a aprendizaxe mutua, a colaboración e a coordinación de esforzos.
Despois da visita de María Sintes a Pontevedra, tanto o Concello coma o Ceneam empezaron a traballar para que a segunda reunión anual do grupo de expertos en mobilidade e infancia fose en Pontevedra, de feito estaba previsto para o mes de novembro. Pero ao xurdir a posibilidade de que o pedagogo Francesco Tonucci visitase a cidade a finais de outubro -debido ao seu interese por coñecer detidamente o modelo de Pontevedra-, acordouse pechar as xornadas para esta fin de semana, facendo coincidir as axendas dos expertos con Tonucci, e organizar unhas xornadas baixo o título "Infancia e cidade", que terá unha parte da programación aberta ao público en xeral: a conferencia de Francesco Tonucci.
Este pedagogo e humanista é famoso por reivindicar nos seus libros o papel dos menores na cidades actuais. Tonucci persegue que os nenos se volvan apoderar das rúas como acontecía hai anos. Ao longo da súa carreira mostrouse bastante crítico co modelo de escola actual, pero insiste en que non quere recuperar o pasado, senón idear unha escola para o futuro.