O acusado de roubar e violar unha muller en Lourizán enfróntase a 21 anos de cadea
Por Natalia Puga
A violencia e o roubo con intimidación dos que supostamente foi vítima unha veciña de Lourizán na súa propia vivenda chegarán o 6 de novembro á Audiencia de Pontevedra. O seu presunto responsable enfróntase a 21 anos de prisión.
Os feitos remóntanse ao 20 de maio de 2006, cando a presunta vítima procedía a abrir a parte superior da porta do seu domicilio en Lourizán.
Eran as sete da mañá e F.J.V.A. supostamente suxeitouna e púxolle unha navalla no colo para que se calase e obedecese ás súas ordes. Segundo acusa o fisal, empurrouna ao interior da vivenda e pediulle diñeiro e xoias ao tempo que a golpeaba.
A suposta vítima entregoulle 400 euros e varios colares, broches, pendentes e aneis. Mentres llas estaba a dar, o acusado supostamente se masturbaba e, ao finalizar, espiuna, levouna ao dormitorio e violouna.
Nun momento dado, a muller logrou liberarse coa escusa de acudir ao aseo. Encerrouse neste cuarto e non saíu ata que o seu atacante abandonou a casa.
A consecuencia destes feitos, a muller sufriu lesións e unha síndrome de estrés postraumático. O seu presunto atacante está acusado dos delitos de violación, violencia con casa habitada e armas e lesións. Ademais de pedirlle 21 anos de prisión, o fiscal solicita ao tribunal que lle impoña unha orde de afastamento da vítima.