ADEGA oponse ao novo dique que o porto deportivo de Sanxenxo quere construír fronte á Carabuxeira
Por Redacción
Nauta Sanxenxo, a sociedade municipal que xestiona o porto deportivo desta localidade vén de solicitar permiso da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para colocar un dique perpendicular á praia de Carabuxeira, de 100 metros de longo de formigón armado, para corrixir a alteración hidrodinámica que o porto deportivo de Sanxenxo exerce sobre este areal e o de Lavapanos.
O proxecto de Nauta Sanxenxo propón ademais o deitado de 24.000 metros cúbicos de area sobre a praia de Carabuxeira e 3.000 metros cúbicos enriba de praia de Lavapanos, así como a ocupación de 350 metros do paso de servidume do dominio público marítimo-terrestre enriba de cantís naturais.
A asociación ecoloxista ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) vén de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta que denegue a autorización ambiental deste proxecto por promover actuacións que, ao seu xuízo, "non só non solucionarán a problemática da regresión dos areais de Carabuxeira e Lavapanos, senón que agravarán a alteración das correntes mariñas, suporán un importante impacto para os hábitats e especies mariñas, e aumentarán a presión urbanística sobre o mar inicidindo de forma moi negativa sobre o ecosistema natural".
Adega engade que o proxecto "non propón ningunha solución que incida nas causas de orixe da problemática da regresión dos areais: a infraestrutura do porto deportivo de Sanxenxo". Este colectivo ecoloxista cre que "paradoxalmente, prevé a incorporación de máis infraestruturas de formigón no mar e o aporte artificial de area que habería que repoñer de forma recorrente".
Ademáis afirman que "a proposta de avaliación ambiental do proxecto de Nauta Sanxenxo carece de rigor". Xa que, segundo argumentan, ademais de non contemplar alternativas de solución real sobre o porto deportivo de Sanxenxo, non avalía cal pode ser o impacto do novo espigón sobre os fondos mariños e os hábitats de interese comunitario presentes na zona.
"Tampouco analiza que impacto sufrirán aquelas comunidades de animais que viven no areal e que se verán directamente afectados polo aterramento ou deitado de area. Así mesmo, a remoción de area podería favorecer a contaminación biolóxica, contribuíndo a estender as especies exóticas invasoras, que o propio documento de inicio do proxecto recoñece que existen na zona", di Adega nun comunicado.
IMPACTO NO SECTOR PRODUTIVO
Por último, asegura Adega que o recheo dos areais e a construción do espigón afectarían a catro bancos marisqueiros dos cales 2 se explotan comercialmente na actualidade polas confrarías de Sanxenxo e Bueu, Lourizán, Pontevedra, Portonovo, e Raxó. Tampouco se determina na proposta de Nauta Sanxenxo como estas obras afectarían ao estado de conservación destes bancos marisqueiros e á actividade produtiva relacionado coa extracción de longueirón (Ensis ensis) e poliquetos (Lumbrineris impatiens) máis alá do período de construción das obras.
Desde ADEGA instan a Nauta Sanxenxo e, en xeral, as autoridades públicas con competencias no litoral, "que abandonen dunha vez por todas propostas de intervención urbanística agresivas co dominio público marítimo-terrestre e cos hábitats e especies que nel habitan, promovendo pola contra accións que tendan a liberar de infraestruturas innecesarias a primeira liña de costa e a corrixir (e non agravar) os efectos do cambio climático".
Relacionadas:
-
As praias da Carabuxeira e Lavapanos poderán recibir achegas de area periódicas ata 2025
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- O Concello de Sanxenxo mostra o cambio da praia da Carabuxeira en doce meses
Por Redacción |
-
A Carabuxeira reabre tras completarse a primeira fase de rexeneración
Por Redacción |
-
Unha rexenerada Carabuxeira recibirá os seus primeiros bañistas o 18 de xuño
Por Redacción |
-
Instalan o primeiro tubo xeotéxtil para conter a area na praia da Carabuxeira
Por Redacción |