Ponte Caldelas conxela as taxas municipais ante a crise económica
Por Redacción
Reducir o impacto das taxas e impostos municipais na economía familiar. Con este obxectivo, o Concello de ponte Caldelas non subirá de cara ao ano 2013 ningunha das tarifas relativas a auga e lixo, IBI e o imposto de vehículos.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, explica que a decisión de conxelar as taxas se adoptou "como medida para paliar a situación que teñen moitas familias como consecuencia da crise económica".
"Aínda que moitos servizos como lixo, saneamento ou auga, son deficitarios non imos subir as taxas nin sequera o IPC, porque considero que nestes momentos non se pode cargar máis as economías familiares que se están a ver moi minguadas en moitos casos debido á crise económica", indica.
Engade que as únicas que se verán afectadas por unha suba son as correspondentes ao abastecemento de auga e rede de saneamento no Parque Empresarial da Reigosa, para adaptalas á suba que aprobou tamén o Concello de Pontevedra.
Ademais, o Concello de ponte Caldelas aprobará nun pleno extraordinario que se celebrará o venres unha nova ordenanza que regula a taxa polo servizo das distintas depuradoras do municipio, co obxectivo de custear parte dos gastos de mantemento das depuradoras actualmente existentes.
A contía desa taxa será a mesma que o coeficiente de vertedura aprobada pola Xunta e que entrou en vigor o 1 de xullo. A idea do Concello con esta nova ordenanza de depuración é que esa contía equivalente ao coeficiente de vertedura se aplique a partir de 2013 a todos os usuarios do servizo de saneamento, con independencia de se a EDAR a xestiona a Xunta ou o Concello.