O Arquivo da Deputación recibe unha subvención da AMTEGA para dixitalizar os seus fondos
Por Redacción
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra vén de recibir unha subvención da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para dixitalizar e facer compatibles os seus documentos cos estándares das principais bibliotecas dixitais internacionais.
Unha vez se realice o traballo de estandarización toda a documentación manexada no Arquivo da Deputación poderá ser difundida dende os portais Galiciana, Hispana e Europeana e, polo tanto, estará accesible para un meirande grupo de persoas usuarias.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de notificar a concesión dunha subvención da totalidade da axuda (90.000 euros) conforme ao solicitado no seu día polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. Este ambicioso proxecto tenta complementar o traballo xa realizado no pasado e contribuirá á súa posta en valor mediante a incorporación á principal biblioteca dixital galega de todos os rexistros dixitalizados dende o ano 2012 e hoxe visibles a través do portal www.atopo.depo.gal.
Para iso procesaranse un total 400.000 rexistros compostos de preto de 11.000.000 de imaxes xa dixitalizadas, e dixitalizaranse un total aproximado de 50.000 novas imaxes. Ademais dos fondos xerais, este novo proxecto de dixitalización afecta a dous grupos documentais principalmente, o fondo familiar ‘Pazo Torre Quintáns’ e a unha serie de expedientes de sanidade.
A deputada responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, María Ortega, quixo poñer de manifesto, unha vez concedida esta subvención, o importante e constante traballo de actualización texnolóxica que realiza o servizo.
A nacionalista subliña que os obxectivos do departamento provincial de Patrimonio Documental e Bibliográfico son incrementar o acceso por parte das persoas usuarias aos fondos da biblioteca ou o arquivo, mellorando o acceso a determinadas coleccións; proporcionar un acceso de maior calidade aos recursos da institución en relación coa educación e a formación continua; reducir a manipulación e o uso de materiais orixinais fráxiles ou utilizados intensivamente e crear unha copia de seguridade para o material; impulsar o desenvolvemento de recursos cooperativos, compartindo intereses comúns con outras institucións para crear coleccións virtuais e incrementar o acceso a nivel internacional; e aproveitar as oportunidades financeiras que se nos presentan cara á mellora técnica.
Na actualidade poden consultarse no portal de difusión da Deputación de Pontevedra Atopo (atopo.depo.gal), preto de 1.058.653 rexistros con 400.056 obxectos dixitais dispoñibles.