O BNG exixe a Portos de Galicia que rectifique e renove a autorización do amarre de dornas en Portonovo

Por Redacción
A deputada do BNG, Montse Prado ven de rexistrar diversas iniciativas para exixir a Portos de Galicia que rectifique e autorice a renovación do amarre de dornas no porto de Portonovo así como a "exención das taxas" que pretende aplicarlle por este servizo.
Tras unha xuntanza coa Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a nacionalista afirma que a decisión de Portos de Galicia non se "xustifica" ao non existir ningunha razón para impedir o amarra das embarcacións tradicionais no porto. Asemade, lembra que as dornas levan máis de 17 anos amarrando neste patalán. Por outra banda, tamén considera inxustificada a aplicación das taxas abusivas que Portos pretende aplicarlles, polo que reclama a súa "exención".
Prado denuncia que os espazos dedicados ás dornas foron adxudicados a embarcacións particulares coa única intención de Portos de Galicia de "facer caixa". A non renovación de amarre deixa "indefensa" á Asociación de Amigos da Dorna, a súa continuidade e a das propias embarcacións porque supón a "exclusión" da dársena de Portonovo.
Para a deputada, con este proceder, "Portos de Galicia amosa unha falta de sensibilidade coas embarcacións tradidicionais e prima o seu afán recadatorio".
A Asociación Amigos da Dorna destina os seus esforzos a recuperación, conservación e protección do patrimonio cultural galego no ámbito das embarcacións tradicionais intimamente ligadas á vida e historia "das xentes do mar".
Portos de Galicia, recalca a deputada, "debe rectificar" e apoiar este labor e non poñer en risco a continuidade da actividade da asociación mesmo impedindo o acceso das embarcacións á dársena de Portonvo.
A xuízo da deputada, Portos de Galicia debe "mudar a súa política de confrontación" coa asociación e iniciar un diálogo e apoio das activiades que realiza, así como atender as súas demandas.
A nacioanalista reclama un número de amarres suficientes para a Asoación Amigos da Dorna co fin de agrupar conxuntamente as embarcacións tradicionais nun pantalán e nunha ubicación que facilite as actividades de divulgación e proceder á bonificación do cen por cen das taxas.