Un concurso decidirá o deseño do monolito en homenaxe á sociedade arousá na súa loita contra o narcotráfico
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía vén de aprobar as bases que rexerán o concurso para a creación dun monolito en recoñecemento á labor da sociedade da Ría de Arousa na loita contra o narcotráfico.
O certame esta dotado cun premio de 15.000 euros e o prazo de presentación das propostas será de 60 días naturais a contar a partir do día despois ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
Con este trámite iníciase o proceso para cumprir o acordo plenario, adoptado por unanimidade da Corporación o 31 de decembro de 2019, no que se declaraba o recoñecemento do Concello de Vilagarcía á loita desenvolvida pola sociedade civil agrupada en torno á Plataforma Galega Contra o Narcotráfico, organismo creado en 1994 e integrado por veciños, asociacións e institucións de diversos municipios da Ría e do resto de Galicia para denunciar e combater os efectos que a actividade do narcotráfico estaba a ter na economía local e na vida e saúde de moitas persoas.
Poderán participar no concurso persoas físicas ou xurídicas, tanto a nivel individual como colectivo, pero cunha única proposta.
As obras deben ser orixinais e inéditas e cinguirse á configuración dun monolito que incorpore como motivo artístico unha árbore coa letra "V" simbolizando a vida e a cor verde da esperanza, e no que se integre no logo da GCN-FGCN o lema da primeira manifestación celebrada en Vilagarcía en protesta contra o narcotráfico: "Galicia contra as drogas ". A peza non poderán superar os 150 centímetros de alto, cunha peana de 15 centímetros como máximo. O seu emprazamento será nos Xardíns de Ravella.
Relacionadas:
-
Unha obra da escultora Olalla Buceta homenaxeará a loita social contra o narcotráfico
Por Redacción |
-
A Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta reforzan a súa colaboración na xestión dos bens comisados
Por Redacción |
-
Pazo Baión, Vista Real, Casa Jaureguízar... De símbolo do poder dos 'narcos' a estar ao servizo do pobo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |