Comeza a limpeza da contorna dos petróglifos de Fentáns en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A empresa Emdesfor 2002, a adxudicataria dos traballos de limpeza e acondicionamento da contorna dos petróglifos de Fentáns situados nas parroquias de San Xurxo e Santa María de Sacos, comezou as tarefas de conservación.
Os traballos, que están supervisados por arqueólogos especializados en arte rupestre, contan cun orzamento total de 24.285,18 euros e permitirán actuar na conservación destes elementos fundamentais do patrimonio histórico de Cerdedo-Cotobade.
As actuacións iniciáronse na contorna dos petróglifos da Laxe dos Cebros e Pedras das Ferraduras, en Fentáns, e iranse ampliando ao resto das estacións de arte rupestre de San Xurxo e Santa María de Sacos despois de que o alcalde, Jorge Cubela, lograse unha cesión das comunidades de montes por espazo de 50 anos.
O alcalde salientaba a importancia de que estes traballos se leven a cabo por persoal especializado para garantir a idoneidade e o coidado á hora de poñer en valor a arte rupestre no municipio. Neste sentido, a empresa adxudicataria contratou dous arqueólogos durante 15 días e tres auxiliares de arqueoloxía durante un período similar.
Jorge Cubela detallaba que esta intervención ten o "obxectivo de limpar, acondicionar e mellorar o acceso do público aos petróglifos coa intención de facilitar as condicións de visita e posta en valor, así como previr, coa retirada da biomasa que os rodea, os efectos perxudiciais que os incendios forestais e outras agresións e actuacións incontroladas poidan ter sobre motivos e soportes".
A contorna dos gravados rupestres seleccionados para esta intervención atopábase cuberta dunha mesta capa vexetal de monte baixo que deterioraba os petroglifos. Por este motivo, o Concello de Cerdedo-Cotobade decidiu iniciar esta actuación, co fin de protexer o patrimonio cultural e histórico e poñelo en valor.
Relacionadas:
-
Avanzan os traballos para a posta en valor dos petróglifos de Portela da Laxe
Por Redacción |
-
O Concello e a Xunta restaurarán o petróglifo de Fentáns, vítima dunha agresión vandálica
Por Redacción |
-
Limpan a maleza da Ponte Nova de Fentáns
Por Redacción |
-
Acondicionan varias estacións rupestres de petróglifos en Campo Lameiro e Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Abren 354 expedientes de limpeza e prevención de incendios en só 3 anos
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade adxudica a limpeza e acondicionamento dos petróglifos de Fentáns
Por Redacción |
-
A Xunta mellorará a contorna dos petróglifos de San Xurxo e Santa María de Sacos
Por Redacción |
-
Unha viaxe polo interior de Terras de Pontevedra: que visitar en Cerdedo-Cotobade
Por Noticia patrocinada |
-
Nove formas diferentes de gozar dos petróglifos en familia
Por Noticia patrocinada |