Lores esixe a ENCE e ao PP que se desculpen polo "acto de violencia premeditado e planificado contra a cidadanía"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores describiu como un "acto de violencia premeditado e planificado" os incidentes protagonizados o pasado sábado por un grupo de traballadores de ENCE que boicoteou a lectura do pregón das festas da Peregrina.
Nunha comparecencia de prensa, este luns o rexedor nacionalista fixo un chamamento á dirección da empresa pasteira e ao Partido Popular para esixirlles "que paren a violencia" xa que no Goberno Local "sabemos que poden parala se queren" e ademais requiriulles "que pidan desculpas á sociedade pontevedresa" xa que son os "últimos responsables da situación na que están os postos de traballo da fábrica".
Fernández Lores reiterou os seus argumentos sobre a situación actual que atravesa a fábrica da Ría de Pontevedra por mor da sentenza da Audiencia Nacional en contra da ocupación por 60 anos da superficie de dominio público marítimo terrestre. "É o resultado dun fracaso estrepitoso da empresa e do Partido Popular PP" insistiu o alcalde que engadiu que é "tamén resultado da incompetencia do Partido Popular porque non cumpriu coa súa obrigación de buscar unha alternativa á localización de Ence en Lourizán".
Segundo o alcalde, "a empresa e o PP sabían xa fai 32 anos que a concesión terminaba en 2018" polo que "tiñan que buscar alternativas" se querían seguir producindo na comarca de Pontevedra, en cambio, segundo Lores "o que fixeron foi tentar enganar, en primeiro lugar aos traballadores e en segundo lugar á cidadanía".
É este sentido referiuse á prórroga outorgada polo Goberno en funcións do popular Mariano Rajoy "que se demostrou que era ilegal" e que se articulou "saltándose mesmo a lexislación vixente da Xunta".
"Eles son os máximos responsables desta situación", incidiu o alcalde. "O que pasou durante o pregón do sábado foi un acto de violencia premeditado e planificado contra a cidadanía", engadiu.
Fernández Lores sinalou que "despois deses actos de violencia" os concelleiros do PP, algúns dos cales "forman parte da Executiva do Partido Popular de Galicia", vestíronse cos chalecos amarelos dos traballadores de ENCE "por se houbese algunha dúbida de que estaba apoiado polo Partido Popular".
Lores comentou que a Policía Local, que lle fixo sentirse "moi arroupado", está a estudar todos estes feitos "para poñer en coñecemento da Fiscalía" todo o ocorrido, aínda que considera que o Ministerio Público debería actuar "de oficio" ante uns "actos de violencia cometidos contra a Corporación no espazo público".
O alcalde fixo un "chamamento" á empresa de celulosas e ao PP para "que se dediquen a traballar buscando alternativas á localización ilegal en Lourizán da fábrica de Ence".
Por último, Fernández Lores destacou que "como alcalde de Pontevedra nunca pensei, nin no máis remoto pensamento, que membros da Corporación de Pontevedra avalasen actos de violencia contra a Corporación e o seu alcalde". Polo que pide ao PP que faga "exame de conciencia" e se desculpe.
Relacionadas:
-
Os comités de Ence retan á ministra Teresa Ribera a convocar a mesa de diálogo xa e en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Traballadores de ENCE cortan o tráfico con barricadas nas saídas da cidade cara a Marín e Vigo
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Domínguez reta a Lores a que consiga emprego para as 500 familias que se verían afectadas por un peche de ENCE
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez desmárcase do boicot ao pregón e condena "cualquier tipo de violencia"
Por Oskar Viéitez |
-
Carme da Silva denuncia "agresións con elevada violencia" na protesta dos traballadores de ENCE
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Traballadores de ENCE rebentan o pregón da Peregrina e acosan á corporación municipal
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |