Noite en vela para ser as primeiras no concerto de Pol Granch
Por Mónica Patxot & María José Pita
Ao mediodía deste luns 9 de agosto a fila superaba a vintena de fans, sobre todo mulleres, que esperaban sentadas as dez horas que restaban para o inicio do concerto do artista madrileño Pol Granch ás 22:00.
Conforme avanza o día, a ringleira vai aumentando o seu tamaño. O que non cambia é a estampa das catro adolescentes, de entre 15 e 16 anos, que ocupan o primeiro lugar xunto ao enreixado onde se sitúa a entrada ao espazo de cadeiras para poder ver ao seu ídolo de preto.
Este grupo leva toda a noite facendo garda. Previamente agardaron a que rematase o concerto domingueiro dos Brincos e os operarios recollesen a zona. Mentres, cóntannos, foron cear ao Burger King e gozaron cos fogos artificiais.
"Somos catro amigas dos concertos", coméntannos. E é que se dá a casualidade de que a súa amizade xurdiu en Pontevedra hai dous anos. "Coñecémonos no concerto de Beret e pasamos a noite xuntas para estar as primeiras no concerto do día seguinte de Lola Índigo", apuntan.
As súas procedencias, Vigo, Pontevedra, Lugo e Santiago, estas dúas últimas si amigas de antes.
A pontevedresa é a única que pasou a noite na súa casa e a que acolle as pertenzas das súas amigas. "Apenas durmimos", afirman, para estar ben cedo dispostas a facer a cola que as levará a poder ocupar as primeiras cadeiras no concerto.
Apúntannos que estas horas as pasaron sen ningún sobresalto porque ademais hai un garda de seguridade vixiando toda a noite a zona do escenario e os asentos.
Estas catro amigas xa planean volver a reunirse en próximos festivais, segundo como evolucione a pandemia. Para a pontevedresa, este será o seu primeiro gran concerto en dous anos, xa que en 2020 preferiu non acudir a ningunha cita musical onde puidese concentrarse moita xente.
Finalmente preguntámoslles por que Pol Granch e contestan que lles gusta a súa música, que xa o levan seguindo desde que hai 3 anos se proclamou vencedor de Factor X España. Sobre o seu salto á interpretación na nova tempada da famosa serie Élite de Netflix non opinan, porque a elas realmente o que lles gusta é a súa música. Xa queda menos para poder gozalo e compensar a noite case en vela e o día ao sol, cunhas temperaturas que alcanzarán os 27 graos.
Relacionadas:
-
Combo Paradiso, Amaro Ferreiro e Bejo poñen o ritmo á quinta xornada de concertos da Peregrina
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pontevedra descobre 'ópera folk' na cuarta xornada de concertos da Peregrina
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Recycled DJ desborda a asistencia de mozos ás pistas de Campolongo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Tres denuncias interpostas pola Policía Local no concerto de Pol Granch por comer en espazo público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pol Granch, Café Quijano, Susana Seivane, Piedrahita, Sabela e Los Brincos, estrelas das Festas
Por Redacción |
-
E con Lola Índigo a Praza de España volveu quedar pequena
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O concerto de Beret "lo peta"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |