A Deputación licita a contratación do II Plan de Igualdade
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar o procedemento para licitar a contratación do II Plan de Igualdade. Segundo informaron dende a institución, queren que o documento definitivo esté aprobado antes de que remate o ano 2021.
Para iso, contratarán unha empresa especializada en xestión de RRHH dende a perspectiva de xénero para que identifique as medidas prioritarias a incluír neste II Plan.
Terá un orzamento base de licitación de 65.403€ e estará vixente durante 4 anos, ao abeiro dos resultados da avaliación do primeiro plan, que foi pioneiro ao ser o primeiro dunha administración pública en ser elaborado cunha auditoría laboral de xénero e cunha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero.
O proceso de elaboración do II Plan de Igualdade, conta cun traballo de avaliación no marco da comisión paritaria de seguimento, órgano integrado por representantes sindicais e persoal de Deputación. A última reunión que mantiveron foi o pasado 23 de xullo na que fixeron a avaliación final coa redacción dun informe de conclusións que farán público en breve.
Con esa análise final poderán enfocar axeitadamente o deseño do Plan, que abarcará a todo o persoal da Deputación. Tamén incorporará unha serie de novidades ademáis das recomendacións internacionais do primeiro, as medidas do pacto de estado en materia laboral e recollerá un seguimento do grado de consecución de cada unha das medidas recollidas no mesmo de xeito anual ata o remate da súa vixencia no ano 2025.