O Concello de Cerdedo-Cotobade activará dúas brigadas e un camión motobomba para a prevención e extinción de incendios
Por Redacción
A prevención e extinción de incendios forestais está á orde do día no Concello de Cerdedo-Cotobade, que activará dúas brigadas e un camión motobomba durante tres meses por todo o territorio municipal para evitar os danos causados en veráns anteriores.
Segundo avanzaron dende o goberno local, os encargados de realizar as tarefas serán 10 traballadores desempregados e 3 condutores asignados para o manexo da motobomba, e farán a importante labor de prevención dos lumes desbrozando parcelas de titularidade municipal e pistas de acceso aos montes.
Os traballadores adscritos a estas dúas brigadas de prevención e loita fronte aos incendios forestais tiveron que superar, durante o proceso de selección, a proba de esforzo marcada pola Consellería do Medio Rural, asi como someterse a un recoñecemento médico e realizar un curso formativo de 16 horas de duración impartido por unha empresa especializada.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou a importancia destas labores e "o compromiso que o noso concello ten na defensa do noso patrimonio natural e forestal cunha aposta decidida por manter operativas estas dúas brigadas para axudar na erradicación dun problema prácticamente endémico que padece o noso concello cada ano en época estival".
Por último, o rexedor indicou que "as novas contratacións ademais de reforzar o persoal que estará adicado a previr e loitar contra o lume vainos permitir tamén favorecer a inserción laboral dunha decena de persoas que están en situación de desemprego e que durante 3 meses van percibir un salario e van cotizar a través deste programa de prevención e loita contra o lume".