Os socialistas de Cerdedo-Cotobade apremian a Cubela para alegar contra o parque eólico "Rula"
Por Redacción
A problemática dos parques eólicos continúa en Cerdedo-Cotobade e céntrase neste momento no Parque Eólico Rula, promovido pola empresa Green Capital Development 112 S.L.U., que está en fase de exposición pública ata o día 13 deste mes, data na que remata o período de presentación de alegacións contra este parque.
A Agrupación Socialista de Cerdedo-Cotobade, no pleno ordinario celebrado a finais de xullo, preguntou se o Concello ía presentar alegacións conxuntas dos tres grupos políticos con representación na Corporación, de igual xeito que se fixera anteriormente con outros proxectos de parques eólicos, "sen obter unha resposta clara por parte do rexidor".
Este venres a voceira municipal, Lina Garrido, reiterou, nun comunicado enviado ao alcalde, a urxencia de asinar conxuntamente esas alegacións, así como "a emisión dun informe negativo por parte do concello que sería fundamental ante un hipotético procedemento xudicial en defensa dos intereses dos nosos veciños e veciñas así como do noso territorio; a pesar de que xa conte co preceptivo informe negativo da Xunta".
Desde a Agrupación Socialista reiteran a importancia da unidade neste frente. "Non se pode baixar a guardia nesta loita, de aí a nosa preocupación ante a escasa marxe dunha semana que nos queda para presentar alegacións", afirman.
Os socialistas de Cerdedo-Cotobade instan ao rexidor municipal, Jorge Cubela, a convocar unha Xunta de voceiros para "escenificar a unión dos tres grupos políticos e respaldar así o esforzo de particulares e asociacións comprometidos na defensa dos proxectos eólicos que invaden o noso territorio".