144 familias pontevedresas pediron axudas para contratar Internet vía satélite
Por Redacción
Un total de 144 familias e empresas da provincia de Pontevedra solicitaron no prazo de dous meses as axudas da Xunta para contratar o servizo de conexión a internet vía satélite. Esta actuación corresponde á última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible a través desta tecnoloxía.
O número de solicitudes na provincia incrementouse máis dun 45% respecto a 2012. Os beneficiarios destas subvencións son familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Aos solicitantes sufráganselles os gastos de instalación e o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír o sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes é gratuíto para os beneficiarios. A práctica totalidade dos dos beneficiarios solicitaron servizos de internet de 20 Mbps.
Das 858 solicitudes realizadas, a maioría (286) corresponden a concellos de Lugo, 276 foron realizadas desde municipios da provincia de Coruña, 152 desde Ourense e outras 144 desde Pontevedra. As zonas con maior demanda concéntrase nas comarcas de Lugo, a Terra Chá na provincia de Lugo, nas de Ferrol e A Coruña na provincia da Coruña, na provincia de Ourense, no concello da capital e en Pontevedra, nas comarcas do Deza e Vigo.