O Concello de Vilagarcía abre o prazo para solicitar as axudas á contratación en empresas do Salnés e Caldas
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía abriu este martes o prazo para solicitar as axudas municipais á contratación por conta allea que a Concellería de Promoción Económica ofrece a empresas das comarcas do Salnés e Caldas para incentivar a creación de emprego.
Dado que o obxectivo da iniciativa é reducir as cifras de paro en Vilagarcía, as axudas limítanse á contratación de persoas desempregadas residentes na capital arousá e cunha antigüidade mínima de empadroamento de 1 ano. As bases que regulan a convocatoria publicáronse no BOP deste luns e están dispoñibles na sede.vilagarcia.gal. O prazo de solicitude remata o 15 de outubro.
O departamento que dirixe Alba Briones destina 50.000 euros á liña de subvencións coa que se pretende fomentar a creación de emprego e contribuír á estabilidade e mellora das condicións laborais dos traballadores empadroados na cidade. As empresas beneficiarias recibirán axudas que oscilarán entre os 500 e os 3.000 euros por contrato, en función da duración e características do mesmo.
Ademais dos contratos de nova creación, considéranse subvencionables a través desta liña de axudas as contratacións indefinidas, conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada, así como os temporais con duración mínima de 6 meses. Tamén se prevé a posibilidade de subvencionar contratacións a tempo parcial no caso no que, pola natureza da actividade da empresa, a xornada de traballo sexa inferior á legalmente establecida para ser considerada a tempo completo. Unha mesma empresa só pode optar a axudas para un máximo de 3 contratacións en cada convocatoria.
Na edición correspondente ao ano 2019, un total de 14 traballadores de Vilagarcía accederon a un contrato laboral por conta allea ou consolidaron a súa situación laboral en outras tantas empresas da zona grazas a estas subvencións municipais. O ano pasado, o número de contratos subvencionados a través desta liña elevouse a 17.