Os talleres en espazos abertos da Concellería de Mocidade chegan a Samieira
Por Redacción
Logo da súa estrea a pasada semana en Vilariño (San Xoán), os Talleres en Espazos Abertos, unha iniciativa pensada para crianzas de diferentes idades, chegan á parroquia de Samieira.
A actividade forma parte da programación de verán deseñada pola Concellería de Benestar Social e Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández.
Durante este martes e mércores, os cativos inscritos daranse cita na Praza Alfredo Romay para gozar coa elaboración de manualidades de todo tipo, que van desde o deseño e marcos para fotografías ata instrumentos musicais, pasando por elementos de decoración ou bonecos.
Fernández González explica que esta actividade xa se realizou un gran éxito en veráns anteriores e que se desenvolve cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene que marcan as autoridades sanitarias. De feito, realízanse ao aire libre e o número máximo de integrantes por grupo é de 12 rapaces.
O día 5 de agosto, estes obradoiros trasladaranse ao parque de Costa Giráldez, onde se levarán a cabo en colaboración coa Asociación de Veciños de Lourido.
Ao longo de todo o mes, esta actividade itinerante tamén chegará á Praza da Chousa de Combarro (días 10 e 11), Praza da Granxa de Campelo (17 e 18) e finalizará na praia de Raxó os días 24 e 25 de agosto.
Trátase dunha iniciativa gratuíta. As inscricións poden realizarse chamando ao número de teléfono 986872401 ou enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org.