Marín cancela por segundo ano a súa Festa Corsaria, quedando reducida a unha feira de artesanía
Por Redacción
O Concello de Marín confirmou este luns a suspensión da Festa Corsaria, que non se celebrará este ano 2021.
O goberno local toma esta decisión ao entender que na situación sanitaria actual resulta moi complicado levar a cabo con seguridade un evento desas características.
O único que si se manterá será a feira de artesanía que acompañaba ás xornadas festivas, e que se colocará na Alameda a fin de semana do 13 ao 15 de agosto.
A pesar da cancelación, o Concello colocará elementos decorativos simbólicos en puntos céntricos da vila co obxectivo de manter vivo o espírito da Festa Corsaria, que todos esperan poder recuperar o próximo ano.
É o segundo ano consecutivo que a pandemia impide a celebración desta festa popular.