Aberto o prazo de matrícula do curso de mergullo para extraer algas, ourizos ou longueiróns
Por Redacción
A Consellería do Mar convoca un curso para recollida de recursos específicos con técnicas de mergullo que se impartirán no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, do 15 de setembro ao 2 de novembro, entre as 09.00 e as 15.00 horas.
O prazo de matrícula está aberto ata o 9 de agosto e só se ofrecen 12 prazas. As persoas matriculadas deberán realizar unhas probas físicas en piscina. A listaxe das seleccionadas publicarase o 25 de agosto no web da Consellería e no taboleiro de anuncios do Igafa. As probas realizaranse o 1 de setembro.
En caso de superar esas probas deberán realizar tamén o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico, previa presentación dun certificado médico que acredite a aptitude para realizar a proba e unha PCR negativa realizada 72 horas antes do test. Esta proba desenvolverase o 14 de setembro. As persoas candidatas que non superen esta proba quedarán excluídas automaticamente.
Todos os requisitos necesarios para acceder a este curso atópanse nesta ligazón. No curso impartiranse técnicas de mergullo para a recollida de algas, longueiróns, ourizos e outros moluscos.