Os populares de Poio convocan un acto para reclamar ao Tripartito "os 420.000 euros dos veciños de Campelo"
Por Redacción
O Partido Popular de Poio, encabezado polo voceiro, Ángel Moldes, convocou un acto público para o próximo domingo 8 de agosto para esixir ao goberno tripartito que non se quede "con 420.00 euros dos veciños de Campelo".
A convocatoria está preparada para as 11:00 horas na Praza da Granxa, cun número limitado de participantes, no que mostrarán "o malestar dos veciños". Segundo Moldes, "a veciñanza e os empresarios da zona quéixanse diariamente de que o feito de non ter aparcamento tradúcese en sancións por parte da policía local ou en perda de clientes para comercios e negocios".
Tamén recorda que, os 420.000 euros, orixinalmente estaban destinados á mobilidade peonil na EP-601 en Campelo pero os veciños teñen un grave problema de aparcamento.
Desta forma, o Partido Popular quere que o goberno local solucione este problema e que dé prioridade "a arreglar a falta de estacionamiento e aprobar as actuacións de xeito urxente en canto cheguen os cartos europeos por medio do Plan Concellos da Deputación".