Termina xullo e termina a tempada dos furanchos en Marín
Por Redacción
Coa conclusión do mes de xullo termina tamén a tempada de apertura de furanchos no municipio de Marín. Desta forma, este sábado 31 será o último día en que estes establecementos poderán abrir para vender os seus excedentes de viño.
Finaliza así, unha tempada anómala tamén para os propietarios de furanchos, xa que viron como se pospoñía a data de apertura habitual e debido precisamente a este atraso se lles concedía unha prórroga para manter a súa actividade ata finais de xullo.
Nestes meses de apertura, os furancheiros tiveron que adaptar estes espazos ás condicións hixiénico sanitarias que se estableceron para os establecementos de hostalería ante a covid-19, axustándose á limitación de persoas en exteriores, exteriores, ou de espazos utilizables.
Desde o Concello de Marín avánzase que a Policía Local realizará un control do peche dos furanchos que aínda permaneceron abertos ata finalizar xullo e asegurarse de que se cumpre coa ordenanza que no caso deste municipio determina o final da tempada este sábado 31.
Aínda que foi a administración autonómica a que recomendou aos Concellos dar unha prórroga de apertura ata finalizar o mes de xullo e dado que son estes últimos sobre os que recaen as competencias, son os que atenden ou non ás peticións que o sector fixera para manterse abertos tamén durante agosto.