Denuncia penal do Colexio de Médicos á área sanitaria de Pontevedra pola sobrecarga da Atención Primaria
Por Redacción
O Colexio de Médicos da provincia de Pontevedra presentou unha demanda pola vía penal, que xa foi admitida a trámite, contra os dirixentes das áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo. A razón que levou aos profesionais para acudir aos tribunais é a inacción dos dirixentes ante as repetidas queixas dos facultativos pola sobrecarga da Atención Primaria e diversos servizos hospitalarios.
"Desde diversas instancias, os nosos colexiados acudiron repetidamente ás autoridades sanitarias e colexiais expoñendo razoadamente os motivos de diversas queixas, así como as circunstancias da sobrecarga profesional ás que se vían sometidos e que, non soamente representaba un risco persoal para o médico de caer enfermo polo sobreesforzo permanente, senón para os propios pacientes, a cuxa atención non podía dedicar o tempo necesario nin a reflexión diagnóstica precisa. Todo isto prívalles dunha asistencia que, en moitos casos, podería ser decisiva para evitar riscos de gravidade" recolle o comunicado emitido polo Colexio para explicar as razóns desta decisión.
Recalcan desde o colectivo que "estas circunstancias puxéronse en coñecemento das diferentes autoridades sanitarias pero lamentablemente a Administración continúa cun ominoso silencio e non se adoptan medidas minimamente eficaces para sequera paliar as disfuncións máis groseiras". Uns defectos que co estalido da pandemia da covid-19 víronse agravados.
Alegan ademais que só a inacción administrativa denunciada ou a irregular esixencia de sobreesforzos profesionais aos médicos poderían constituír ilícitos penais. "A todo iso súmase os prexuízos ou lesións que poidan sufrir os propios pacientes que, con independencia do anterior, podería dar lugar tamén a denuncias", engaden.
Queren destacar desde o Colexio de Médicos de Pontevedra "a esixencia deontolóxica de tentar o mellor para a saúde dos pacientes", pero ese alto grao de profesionalidade dos sanitarios "non pode incubrir nin amparar a desidia administrativa en reverter unha situación de abandono nin o feito de que iso teña implicacións delituosas", rematan.
Con esta iniciativa, o colectivo de médicos pretende "que se depuren responsabilidades dos prexuízos que puidesen ter os colexiados e, sobre todo, os nosos pacientes".