Macenlle expoñerá en Sevilla a "participación activa" da Policía Local no modelo de cidade
Por Redacción
O Concello de Pontevedra participa o vindeiro mércores 16 de outubro no primeiro Congreso de 'Cidades que Camiñan', unha rede á que está adherida e que naceu aberta a todos os concellos e entidades interesadas en mellorar a situación de peóns a través da posta en marcha e intercambio de iniciativas dirixidas a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade viaria e o medio ambiente. A cita será no Concello de La Rinconada, na provincia de Sevilla.
Pontevedra estará presente neste Congreso a través do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle. Este último participará nunha das dúas actividades temáticas programadas pola tarde. ÿ unha mesa redonda sobre campañas de promoción da mobilidade peonil entre técnicos municipais e responsables da Policía Local xunto aos concellos de La Puebla de Cazalla, Mieres e Aranjuez.
Segundo adiantou o Concello nun comunicado, Daniel Macenlle exporá a "participación activa e indispensábel" da Policía Local de Pontevedra dentro do modelo urbano da capital.
Pola súa banda, o alcalde participará na cerimonia de clausura, a partir das 19.30 horas, onde se entregará o traspaso a Pontevedra para celebrar o II Congreso 'Cidades que Camiñan' no ano 2014. Será Miguel Anxo Fernández Lores quen reciba ese traspaso e a benvida ao vindeiro congreso.
Segundo recolle o web de 'Cidades que Camiñan', "este congreso nace para impulsar o imprescindíbel papel protagonizado polos desprazamentos a pé na mobilidade urbana, a través da colaboración mútua entre os concellos e as entidades públicas e privadas, tendo como principal obxectivo reflexionar sobre as vías existentes para formar a cultura do camiñar a través do intercambio de iniciativas dirixidas a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade e o medio ambiente".