O Concello de Barro adxudica o servizo de axuda no fogar por 405.000 euros
Por Redacción
O pleno de Barro dá luz verde á adxudicación do contrato de axuda no fogar á empresa Idades SL por un importe anual de 405.000 euros dos que o propio Concello achegará 100.000 euros anuais de fondos propios.
Este servizo presta na actualidade 2.170 horas de asistencia a máis de 50 veciños e veciñas do municipio.
O pleno serviu tamén para aprobar unha modificación do proxecto de recuperación e acondicionamento da contorna do parque de Barosa para cumprir coas esixencias de Patrimonio e Augas de Galicia para poder sacalo a contratación. Con esta modificación o orzamento de licitación increméntase ata os 116.000 euros.
Ademais, o goberno local ten redactado xa o proxecto de reforma do pavillón de San Antoniño que permitirá resolver os problemas estruturais que padece e que supoñerá un investimento de 288.000 euros.