BNG urxe ao Goberno a recuperación de liñas e frecuencias de tren suprimidas durante a pandemia en Vilagarcía
Por Redacción
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galicia Montse Prado denunciaron este mércores a supresión da parada de Vilagarcía na nova liña de tren directo Vigo-Madrid e lembraron a listaxe de servizo que perdeu esta estación nos últimos tempos.
Á vista do panorama, a formación nacionalista urxe ao Goberno central a recuperación desta parada, así como todas as liñas e frecuencias suprimidas durante a pandemia da covid-19.
Prado e Rego compareceron acompañados de cargos orgánicos e institucionais da organización e denunciaron a exclusión da comarca do Salnés dun servizo imprescindible para preto de 150.000 persoas, pois a Vilagarcía, cabeceira de comarca, hai que sumarlle as zonas de Caldas, Valga e incluso as habitantes que viven na comarca da Barbanza que, de ter un bo servizo, empregarían esta estación de tren.
Néstor Rego explicou que rexistrou iniciativas no Congreso para que houbese unha parada máis do tren Vigo-Ourense-Madrid en Vilagarcía e a resposta do Goberno foi que esa conexión directa xunto con dous enlaces máis, a través de Santiago de Compostela, son suficientes para Vilagarcía.
A argumentación empregada polo Goberno do Estado enfócase en que todas as conexións e paradas que hai son "suficientes" e indican que a media de viaxeiros é baixa. En contraposición, Rego sinala que este argumento é "unha falacia coa que se pretende xustificar esa desatención nos servizos ferroviarios na comarca do Salnés".
Montse Prado critica o desmantelamento das poucas conexións ferroviarias existentes na comarca coa supresión das paradas de Caldas, Catoira e Pontecesures. "Fóronse eliminando frecuencias e, aínda despois de rematado o estado de alarma, en Vilagarcía tamén se eliminaron liñas importantes como a das oito menos dez da mañá que prestaba servizo ás persoas que ían a Universidade ou para facer algún tipo de xestión, exemplifica.