Condenado a once anos e medio de cárcere por abusar da filla de 14 anos da súa parella
Por Natalia Puga
Once anos e medio de cárcere, nove anos de liberdade vixiada e cinco anos de inhabilitación para calquera profesión ou oficio que conleve contacto regular e directo con menores. Esta é a pena que deberá cumprir un home que no ano 2016 abusou sexualmente da filla da súa entón parella, que daquela tiña 14 anos e coa que mantivo relacións sexuais completas.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra considérao autor dun delito continuado de abusos sexuais con penetración e abuso de superioridade sobre menor de 16 anos e ditou unha sentenza que inclúe a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante un tempo superior en cinco anos ao de duración da pena de prisión e a obrigación de indemnizar á afectada con 40.000 euros.
Os maxistrados da Audiencia consideran acreditado que o sospeitoso mantivo relacións sexuais coa menor e dicíalle que se lle contaba a alguén o ocorrido "el iría ao cárcere, pero ela iría a un centro de menores e perdería á súa familia e amigos".
O tribunal dá total credibilidade ao testemuño da vítima, que na actualidade xa é maior de idade, pero igualmente declarou a porta pechada na Audiencia para protexer a súa intimidade. A menor precisou de asistencia psicolóxica para superar as secuelas dos feitos.
Do relatado pola vítima os maxistrados destacan que é "absolutamente coherente e sólido" e que non se aprecia a existencia de datos que leven a considerar que puidese ter fabulado ou inventado ou que puidese ser inducida ou manipulada para incriminar ao acusado.
Os maxistrados tamén destacan a "minuciosidade e obxectividade das psicólogas forenses" que declararon na sala á hora de elaborar o informe de credibilidade da vítima e emitir as súas conclusións. Apoian unha proba crucial que o avogado do acusado puxo en cuestión durante a vista oral.
A Audiencia tamén considera probado que cando a nai da vítima descubriu os feitos, puxo fin á relación co acusado.