En prisión tres ladróns dun grupo internacional e itinerante de roubos con forza que operaba desde Pontevedra
Por Natalia Puga
A Policía Nacionall logrou deter nos últimos días a catro membros dun grupo internacional e itinerante que se dedicaba aos roubos con forza en vivendas e que se asentou temporalmente nas proximidades de Pontevedra.
A operación policial permitiu esclarecer catro roubos con forza cometidos en diferentes cidades de Galicia nos que se subtraeron gran cantidade de diñeiro en diferentes moedas e xoias e, como colofón, o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra ordenou o ingreso en prisión de tres deles.
Os catro individuos detidos son de orixe italo-croata e serbio e desprazáronse a Galicia co fin de levar cabo o seu labor, pero a colaboración de distintos corpos policiais permitiu detectalos rapidamente e evitar que cometesen máis delitos.
A detención produciuse a semana pasada xusto despois de cometer un roubo en Santiago de Compostela. Ocorreu na noite do 20 de xullo, pois o grupo itinerante saltouse un control da Garda Civil e deuse á fuga.
A Garda Civil alertou a todos os corpos policiais e a Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra localizounos cando trataban de abandonar o lugar onde se atopaban aloxados. Para detectalos foi clave a coordinación entre as distintas brigadas da Comisaría Provincial de Pontevedra e a colaboración da Garda Civil de Pontevedra e a Policía Local de Sanxenxo.
Os detidos teñen 23, 25 e 26 anos e antecedentes por feitos similares en distintos países. Neste caso, cometeron catro roubos con forza en vivendas unifamiliares ás que accederon saltando o perímetro da leira e en pisos.
A Policía Nacional dá por desarticulado o grupo criminal e por detidos á maior parte dos seus membros.