Unanimidade no pleno de Poio contra o proxecto de parque eólico do Monte Castrove
Por Redacción
O Concello de Poio postúlase en contra do proxecto para a instalación dun parque eólico na zona do Monte Castrove, impulsado por unha empresa particular. Esta postura quedou patente no Pleno ordinario do pasado martes 27 de xullo, no que os catro grupos da Corporación (BNG, PSOE, Avante Poio e PP) acordaron a celebración inminente dunha Xunta de Portavoces para analizar a posibilidade de presentar alegacións de xeito conxunto contra unha actuación que o Goberno local entende que pode supoñer un importante impacto medioambiental na zona.
"Estudaremos o proxecto e actuaremos en consecuencia", sinalou o alcalde, Luciano Sobral, despois de que o concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, abordase esta cuestión na quenda de rogos de preguntas.
Ademais da convocatoria urxente desta Xunta de Portavoces o Concello tamén amosa o seu respaldo institucional aos afectados por este proxecto. É por iso polo que desde o Goberno municipal se solicita á Xunta de Galicia e ao Estado español que denegue a autorización para levar a cabo este proxecto. Ademais, os grupos coincidiron á hora de amosar o seu apoio á veciñanza que tamén se opón á actuación.
Tamén se solicita á Comunidade de Montes de San Xoán, entidade titular dos terreos nos que se emprazaría o parque eólico, que tamén se sume a esta oposición. Cómpre lembrar que o Concello de Poio xa deixou clara a súa postura contra este tipo de iniciativas durante o Pleno ordinario do pasado mes de maio, ao respaldar unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), opoñéndose a actuacións coma esta, que supoñen un importante impacto medioambiental na contorna e que “só benefician a entidades particulares”.
Gregorio Agís (PSOE), Silvia Díaz (Avante Poio) e Marga Caldas (BNG) incidiron na importancia de que as alegacións que se presenten desde o Concello acaden "o maior consenso posible", de xeito que resulte máis eficaz poder defender "os intereses e a integridade natural da contorna do Monte Castrove".