Denuncian dous homes que ían aparentemente bébedos dacabalo e en bicicleta e negáronse ao alcoholímetro
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou o pasado sábado, 24 de xullo, dous homes que foron sorprendidos aparentemente bébedos tanto dacabalo como en bicicleta e, cando os axentes quixeron facerlles a proba de alcoholemia, negáronse.
Sucedeu sobre as 21.30 horas do sábado na zona dos Areás de Mourente e na rúa 12 de Novembro de Pontevedra, segundo a información facilitada pola Policía Local.
No caso de Mourente, un veciño chamou alertando de que había unha persoa dacabalo aparentemente baixo os efectos do alcol. Unha patrulla interceptouno nas inmediacións do bar Aguardenteiro de Monte Porreiro e os axentes puideron observar que parecía bébedo.
O home ía coa cabeza apoiada sobre as crinas do animal e era incapaz de controlalo. De feito, o cabalo ía polo medio da calzada sen control.
Os axentes convidaron o xinete a someterse á proba de alcoholemia, pero negouse a realizala, polo que denunciárono por negativa a someterse á proba, unha sanción que leva aparellada unha multa de 1.000 euros.
No seu caso, ademais, este xinete de 41 anos foi denunciado por unha segunda razón, non adoptar as medias necesarias para a seguridade doutros usuarios da vía por estar o cabalo sen control. Esta sanción pode ser de 100 euros.
O segundo denunciado foi un home de 81 anos que ía en bicicleta polo centro de Pontevedra. Foi á mesma hora e un veciño chamou indicando que ía bébedo.
A Policía Local interceptouno en 12 de Novembro e tamén se negou a someterse á proba de alcoholemia, polo que os axentes policiais proceden á denuncia administrativa, que igual que no caso anterior, será de 1.000 euros.