Aprazan o xuízo do crime do Umia porque un dos catro acusados "non se encontra capacitado"
Por Natalia Puga
Jesús Piñeiro Mera, 'Chicho', permanece en prisión dende febreiro de 2012 por supostamente ter matado ao mozo de Moraña de 29 anos Enrique Monteagudo Caldas en xullo de 2010, no coñecido como crime do Umia porque o corpo apareceu na cola do encoro do Umia ao seu paso por Cuntis. Estaba previsto que un xurado o xulgase a próxima semana, entre o 14 e o 17 de outubro, xunto aos outros tres procesados por estes feitos, pero o seu estado psicolóxico recente levou ao aprazamento do xuizo porque "non se encontra capacitado para comparecer ao xuízo oral".
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra emitiu un auto que se deu a coñecer este venres, tres días antes da data prevista para o xuízo. O documento fundamenta a suspensión do xuízo explicando que o tribunal tivo coñecemento o 7 de outubro dun informe da médica psiquiatra do cárcere da Lama, onde está ingresado o procesado, que "se refire unha sintomatoloxía do acusado afectante ao seu estado psíquico".
Os maxistrados da Audiencia non tiveran coñecemento previo desta situación, de modo que pediron máis información e preguntaron á forense se Jesús Piñeiro Mera podía ser xulgado a pesar desa patoloxía psiquiátrica. A resposta foi negativa, de modo que o tribunal pide que ao procesado se lle observe, valore e trate na unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial e, posteriormente, se valorará que facer para seguir co caso.
"O dereito de asistencia letrada e o dereito de autodefensa constitúen os piares básicos sobre os que se asenta un proceso coa debida adecuación ás esixencias constitucionais", recorda o auto da Sección Cuarta. E co estado psiquiátrico de Jesús Piñeiro non hai garantías abondo para el durante o xuízo.
A Audiencia pide Psiquiatría que tamén realice unha "valoración da hipótese da fabulación", nun auto que está avalado tamén polas acusacións particulares comparecidas na causa.
Á espera do xuízo, os catro acusados seguirán en prisión. Os tres restantes son Héctor Vázquez Liste, en prisión dende 2012; e Adrián Ferro Couto e Borja Coucheiro Sanjurjo, detidos hai xa dous anos, en xuño de 2011, e para os que o pasado verán se revisou e confirmou a prórroga de prisión.
Tanto a Fiscalía coma a acusación particular solicitan para os catro procesados unha condena a 20 anos de prisón como autores dun delito de asasinato ao considerar que os catro, veciños de Cuntis e A Estrada de entre 23 anos e 55 anos, remataron coa vida do mozo de Moraña de 29 anos Enrique Monteagudo Caldas "de forma sorpresiva e sen que tivese oportunidade ningunha de defenderse". Golpeárono cun obxecto contundente e cortáronlle cun obxecto cortante e afiado no colo, supostamente todo por unha débeda vinculada co estraperlo de drogas.
Relacionadas:
-
Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un tribunal popular xulga dende hoxe os catro acusados do crime do Umia
Por Redacción |
-
Prorrogan a prisión a dous acusados do crime do Umia porque a proximidade do xuízo "incrementa o risco de fuga"
Por Natalia Puga |
-
Revisan se dous acusados do crime do Umia seguen en prisión o mes e medio que falta para o xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia Provincial revisará a prisión provisional de dous dos acusados polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
"Para nós, dende logo, a sentencia xa está feita, son culpables os catro do asasinato de meu irmán"
Por Natalia Puga |