O PSOE pide un médico e un pediatra para o centro de saúde de Campo Lameiro no Parlamento Galego
Por Redacción
A deputada socialista por Pontevedra Paloma Castro vén de pedir á Xunta, a través da presentación dunha iniciativa no Parlamento, que reestableza o persoal sanitario no Centro de Saúde de Campo Lameiro logo do seu “desmantelamento” por parte do Sergas cando “nos últimos catro anos, prescindiron dun médico e dun pediatra”.
“O Centro de Saúde de Campo Lameiro é outro exemplo do desleixo do goberno de Feijóo coa sanidade pública e o abastecemento de servizos nos concellos do rural”, denunciou a vicevoceira do Grupo Socialista logo de sinalar que carece de persoal sanitario necesario para prestar “un servizo de calidade”, xa que conta cun cadro de persoal “que se reduce a un médico, unha enfermeira e un administrativo” para unha poboación aproximada duns 2.000 habitantes. E censura tamén que "non se cobren as baixas ou vacacións do persoal".
Doutra banda, Castro considera insuficiente a reforma do centro de saúde que financiarán a Xunta e o Concello. "O edificio atópase en mal estado de conservación e ten múltiples carencias”, lamentou a responsable socialista, logo de censurar o cofinanciamento, xa que “sendo a Sanidade unha competencia autonómica e un servizo público esencial, o custo ten que ser asumido integramente pola Xunta", remarca.
Tamén recorda Castro que o anuncio do alcalde dun convenio coa Xunta para arranxar o primeiro andar e dotar ao inmoble dun ascensor. Cuestións que "non se atopan no convenio asinado recentemente".